1. Como podemos iniciar o proceso de obtención do Distintivo?
Podedes iniciar o proceso a través da páxina web do Distintivo ou ou da asociación Forgender Seal, ou dos correos ou teléfonos que aparecen na web e aclararémosvos calquera dúbida.
Unha vez confirmedes que completastedes o proceso administrativo interno, facilitarémosvos un código para acceder ao voso cartafol da intranet.
2. Que debemos facer, como concello, para completar o proceso de obtención do Distintivo?
Na intranet atoparedes o formulario do Autodiagnóstico, que deberedes cumprimentar. Posteriormente, unha vez estea avaliado, atoparedes o formulario do Plan de Compromisos, que deberedes cumprimentar tendo en conta o informe de avaliación do Autodiagnóstico e o nivel de mellora que queredes lograr.
3. Cal é o tempo aproximado para obter o Distintivo?
Aínda que se establecen períodos máximos o bastante amplos para completar as diferentes fases, o tempo pode variar dun concello a outro en función da súa realidade. Así mesmo, prevese unha duración media de seis meses desde que se inicia o proceso e se obtén o Distintivo sen ningunha incidencia.
4. Pode o concello escoller a entidade AUDITORA?
Si, a Plataforma do Distintivo proporcionará unha listaxe con todas as entidades avaliadoras homologadas polo Sistema e o municipio poderá escoller quen desexa que realice a auditoria.
5. Como se valora a obtención do Distintivo?
O Plan de Compromisos valórase en función da clasificación das accións escollidas en A, B ou C, ou de se se tiveron en conta as recomendacións, as advertencias e as fortalezas sinaladas no informe do Autodiagnóstico. Así, obterase unha puntuación que determinará a concesión do Distintivo en diferente grao, segundo estea entre o 70-80% para o nivel inicial, entre o 81-90% para o nivel avanzado e entre o 91-100% para o nivel líder.
6. Ten en conta o Distintivo as diferentes circunstancias de cada concello?
Por unha banda, clasificáronse os concellos en tres tramos en función do seu alcance poboacional. A cada un dos tramos correspóndelle un modelo determinado de formulario do Autodiagnóstico. Deste xeito, o Distintivo ten en conta as diferentes capacidades de cada concello segundo o alcance poboacional, xa que entende que, canto maior sexa o seu abasto poboacional, máis recursos terá o municipio.
Doutra banda, o Plan de Compromiso prevé a posibilidade de que o concello escolla as accións para realizar durante os próximos dous anos en función da súa realidade e nivel de ambición, establecéndose tres graos de logro do Distintivo en función do conxunto de accións escollidas: INICIAL, AVANZADO, LÍDER.
7. De onde se extraen e que puntuación outorgan as recomendacións, advertencias e fortalezas?
No formulario de Autodiagnóstico, cada criterio recibirá unha avaliación en función da puntuación obtida. Esta puntuación determinará unha serie de recomendacións, advertencias e fortalezas. Deste xeito, extráense do Formulario do Autodiagnóstico, pero a incorporación de advertencias e recomendacións, e a existencia de fortalezas, supoñen un aumento ou diminución da puntuación do Plan de Compromisos.
8. Cales son os prazos de cada fase?
O concello dispón de tres meses para presentar o formulario do Autodiagnóstico e a documentación solicitada como fonte de verificación para avaliar os requisitos. Despois, dispón de catro meses para presentar o formulario do Plan de Compromisos.
Tamén hai prazos establecidos para as avaliacións que recibirá o concello. A entidade avaliadora dispón dun prazo de dous meses para entregar a avaliación do Autodiagnóstico, e de dous meses para entregar a avaliación do Plan de Compromisos. Ambos os prazos poden verse interrompidos se a entidade certificadora solicita ao concello documentación adicional. No caso de que o concello non superase a conformidade do Autodiagnóstico ou do Plan de Compromisos, ten tres meses para incorporar as melloras necesarias para volver a someterse ao proceso de avaliación.
9. O concello debe cumprir obrigatoriamente cos requisitos no momento da avaliación do formulario do Autodiagnóstico?
Depende. Lembremos que, por unha banda, temos os requisitos operativos, que si hai que cumprir obrigatoriamente no momento da avaliación do formulario do Autodiagnóstico. En canto aos requisitos normativos, só serán considerados como requisitos se o ordenamento xurídico do territorio así o establece. O concello pode dilatar o seu cumprimento ata a avaliación do Plan de Compromisos. A obtención do Distintivo quedará pendente ata que o concello non cumpra, dado o caso, os requisitos normativos. No caso de que o concello non teña a obrigatoriedade normativa de dispoñer dos instrumentos políticos fixados no formulario, non serán considerados como requisitos. O concello deberá acreditar e proporcionar a norma onde quede regulada a non obrigatoriedade normativa.
10. Pode calquer criterio, bloque ou área ser recomendación, advertencia ou fortaleza?
Non. En canto ás recomendacións, todos os criterios poden selo; só os bloques 2, 3 e 4 da área 2 e todas as áreas. En canto ás fortalezas, todos os criterios poden selo; só os bloques 2, 3 e 4 da área 2 e todas as áreas. Por último, só os indicadores poden ser advertencias.
11. Quen valora e concede o Distintivo e que recoñecemento ten este?
A Entidade que certifica e concede o Distintivo é a Asociación Forgender Seal, previa á avaliación de entidades avaliadoras e homologadas polo sistema.
A nivel de Cataluña e de España, o Distintivo conta xa co recoñecemento da Generalitat de Cataluña e do Institut Català de les dones. Igualmente, nas Illas Baleares ten o recoñecemento do Institut Balear de la dona e o Consell de Mallorca, e outras comunidades autónomas xa mostraron o seu interese.
Doutra banda, a nivel internacional, o Distintivo ten claramente unha vocación internacional, xa que se basea nos tratados internacionais, a Axenda 2030, os Acordos de París e a Nova Axenda Urbana, polo cal xa recibimos o interese dalgunhas cidades para implementalo na área de Latinoamérica.
12. Os concellos que obteñen o Distintivo pola Igualdade de Xénero terán algún tipo de acompañamento?
Si, a Asociación Forgender Seal estableceu un acompañamento para resolver dúbidas sobre os compromisos que asumiu o concello. Durante os dous anos de execución, o concello dispoñerá dun número de horas de consultoría.
13. Que relación terán os concellos que obteñan o Distintivo?
A Asociación Forgender Seal traballará para crear espazos de relación entre os concellos co Distintivo e poder compartir experiencias e aprendizaxes.